Os residuos voluminosos de moitos concellos víñanse entregando a Sogama, que os eliminaba no vertedoiro de Areosa, no Concello de Cerceda. Na actualidade, sucede que esta práctica non é hoxe ambientalmente axeitada, nin legalmente asumible, xa que, de acordo coa normativa europea, estatal e autonómica vixente sobre a materia, a autorización ambiental integrada outorgada a Sogama o 30 de abril de 2008 non lle permite xestionar estes residuos. Ademais, a recente Lei 10/2008, do 3 de novembro, de Residuos de Galicia, tampouco o permite.
Por estas razóns, a Sociedade Galega do Medio Ambiente deixará de admitir os devanditos residuos dende o vindeiro día 1 de setembro, o que esixe que os concellos busquen alternativas para dar un tratamento axeitado a estes residuos sólidos.
Na Comunidade Autónoma existen xestores debidamente autorizados que, dependendo do tipo concreto de residuo de que se trate, están especializados na súa recollida, almacenamento e tratamento. Os concellos galegos poden obter información sobre a identificación e localización destes xestores na páxina web do Sistema de Información de Residuos de Galicia (http://sirga.medioambiente.xunta.es).