ORGANIZACIÓN DA RGCS

  
A Rede Galega de Concellos pola Sostibilidade está formada polos seguintes órganos:
  
 a) Asemblea Xeral.
Na actualidade está formada por 58 concellos.
  
b) Presidente/a.
A presidenta da Rede é Regina Polín Rodríguez, elixida na Asemblea Xeral Constitutiva do día 21 de novembro de 2008.
  
c) Vicepresidente/a.
Os vicepresidentes natos da Rede son Carlos A. Fernández Castro, presidente da FEGAMP, e Emilio Fernández Suárez, Director Xeral de Desenvolvemento Sostible.
  
d) Secretariado.
O secretariado é exercido por Dionisio Rodríguez Álvarez, Subdirector Xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, e Eduardo Ramonde Rodríguez, Secretario Xeral da FEGAMP.
  
e) Comité Directivo.
  
f) Comité Técnico.
Os representantes dos concellos no Comité Técnico son: Ourense, Ferrol, Cambado, O Grove, Porto do Son e Allariz.

  

Asemblea Xeral.

1. A Asemblea Xeral, como órgano de participación, intercambio e discusión das liñas de actuación da rede, estará composta por un representante de cada un dos concellos adheridos elixido polo Pleno do concello ou órgano equivalente e polo Comité Directivo. Designarase un suplente para cada titular.
2. As competencias da asemblea serán as seguintes:
-Aprobación do programa anual de actividades da rede.
Vogais da Asemblea Xeral da RGCS-Aprobación do regulamento interno da rede.
-Admisión de novos asociados por proposta do Comité Directivo.
-Elección dos representantes do Comité Técnico.
-Aprobación, modificación ou rexeitamento das
propostas presentadas polo Comité Directivo.
3. A asemblea da Rede Galega de Concellos pola Sostibilidade reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ao ano, para o que será debidamente convocada polo/a Presidente/a. Cando existan motivos de especial transcendencia, directamente relacionados coas competencias que lle son propias, procederase a convocar unha asemblea extraordinaria por iniciativa do presidente ou dun terzo dos membros.

  

Presidente/a.

1. O presidente/a da Rede Galega de Concellos pola Sostibilidade será elixido/a pola Asemblea Xeral entre os representantes dos concellos membros da Rede.
2. Así mesmo, o/a presidente/a exercerá as seguintes funcións:
a) Exercer a representación da Rede Galega de Concellos pola Sostibilidade.
b) Realizar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias fixando os asuntos que comporán a orde do día da asemblea.
c) Presidir as sesións e moderar os debates que se produzan no desenvolvemento delas, velando polo cumprimento das funcións que lle competen ao órgano. Para os efectos da adopción de acordos, o voto do presidente ou de quen legalmente o substitúa
será cualificado e dirimente para o suposto de empate.
d) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente da rede.

  

Vicepresidentes.

1. Serán vicepresidentes/as natos da Rede o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e o director/a xeral de Desenvolvemento Sostible, ou persoas en que deleguen.
2. Os vicepresidentes/as desempeñarán as funcións atribuídas ao presidente nos casos de ausencia,  enfermidade ou outro motivo lexítimo.

  

Secretariado da Rede.

1. O secretariado da rede estará a cargo da Subdirección Xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible e da Secretaría Xeral da FEGAMP, e actuará como secretario/a o subdirector/a xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible.
2. Son funcións do secretario:
a) Levar a cabo as decisións e acordos tomados na asemblea.
b) Levar o libro de rexistro dos socios.
c) Asistir con voz, pero sen voto, ás reunións da asemblea.
d) Executar a convocatoria das sesións por orde do seu presidente, así como proceder á citación dos membros da asemblea.
e) Recibir calquera comunicación ou notificación dos membros da asemblea das cales deba ter coñecemento.
f) Redactar e autorizar as actas das sesións.
g) Expedir certificación das consultas, informes ou acordos aprobados.
h) Aqueloutras funcións que sexan inherentes á súa condición de secretario.

  

Comité Directivo.

1. O Comité Directivo é o órgano de dirección da Rede. Estará constituído polo presidente, os vicepresidentes, o presidente da Comisión Informativa de Medio Ambiente da FEGAMP e o Secretariado.
2. As competencias do Comité Directivo serán as seguintes:
a) Adoptar as medidas oportunas para o mellor funcionamento da Rede.
b) Dirixir o funcionamento da Rede.
c) Propoñer os contidos e reunións da Asemblea.
d) Presentar a proposta de regulamento interno da Rede á Asemblea Xeral para a súa aprobación.

  

Comité Técnico.

1. O Comité Técnico será presidido polo secretario da Rede galega de concellos pola sustentabilidade.
2. Este órgano terá como obxecto formular propostas técnicas respecto de metodoloxías comúns de axendas 21, indicadores troncais, formulación de estratexias conxuntas e participación en proxectos europeos ou estatais, entre outros.
3. O Comité Técnico estará composto por:
a) Dous representantes (vogais) dos concellos de poboación de máis de cincuenta mil habitantes.
b) Dous representantes dos concellos con poboación entre cincuenta mil e dez mil habitantes.
c) Dous representantes dos concellos de menos de dez mil habitantes.
d) O xefe/a do Servizo de Promoción da Sostible.
e) Un representante da Comisión Informativa de Medio Ambiente da Federación Galega de Municipios e Provincias.
f) Un técnico/a da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
g) O/a representante da FEGAMP no Secretariado da Rede.
4. Os representantes das entidades locais serán propostos polos Concellos correspondéndolle á Asemblea Xeral a aprobación da dita proposta.
  

 
Federación Galega de Municipios e Provincias Xunta de Galicia - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras

© 2008 rede galega de concellos pola sostibilidade